Isto lémbra o acontecido hai moitos anos, cando presidindo Rafael del Río a federación galega, pasou algo similar. É curioso que os que estaban naquela oposición, que logrou gañar, son boa parte dos dous bandos que hoxe están de rivais.
E así chegamos a unhas eleccións con moitos candidatos, especialmente en estamento de xogadores e de clubs. Iso está ben. Mostra interese en participar. Cantas mulleres? Cantos menores de 30 anos?. Dúas preguntas que quizais expliquen parte dos problemas actuais da Federación. Practicamente todos os que diriximos o xadrez galego xa estabamos nisto hai 30 anos (e algúns máis).
Non é malo que sigamos dando a batalla, o malo é que non esteamos a dar paso a xente nova con ideas propias. Esta monopilización do poder que adoita resumirse en eu ou o caos acaba trasladada á xestión dos clubs; a xente goberna dous ou máis clubs e aínda ten tempo para labores federativas e organizar algún torneo.
Hai uns minutos o candidato renovador ten escrito aos votantes co seu programa e pedindo o voto, xusto ao rematar o periodo electoral, para determinados candidatos. Entre os clubs aparecen varios dos clubs ligados á actividade desta asociación, cousa que é de agradecer, máxime cando nós apostamos por un cambio tranquilo, con continuidade pero dando paso a novas ideas e nomes no novo período de catro anos. Para que iso sexa posible o ideal sería que a asemblea fose o máis aberta posible a todas as ideas.
De producirse un escenario monocor, que entendemos posible, cremos que a asemblea resultante debe iniciar de maneira inmediata a organización dos distintos comités contemplados nos estatutos (dalgúns non se sabe absolutamente nada) coa presenza daqueles que queden fora. No xadrez non sómos tantos os que estamos a facer cousas. Prescindir dunha parte é unha parvada. Imaxinando que algúns dos nosos membros van estar nesa asemblea, pensamos en ideas que comparten os dous bloques:
1. Establecer con claridade as funcións dos directivos ou nombramentos de directivos por área.
Isto é especialmente relevante para quen deba levar os torneos (hai que recoñecer as críticas... dous anos parados e acabamos cunha liga na que moitas situacións non se previron a pesar do tempo para pensala). Seguramente deba haber directivos distintos para torneos distintos e deixar de asumir funcións ata chegar a cumplir o Principio de Peter .
Crear un responsable de comunicación da Federación, non só para enviar notas de prensa. É necesario establecer políticas comúns cos clubs para fortalecer a imaxe do xadrez galego, paso previo á mellor captación de patrocinios.
2. Mellorar a liga.
A proba máis importante do xadrez galego é a liga. E esta liga ten que ter unha estrutura lóxica, piramidal, cunha división superior, dúas debaixo e seguir en 4 e 8 até onde sexa posible. As competicións de terceira e cuarta deben obedecer ás necesidades dos clubs que compiten nelas e que sexan locais cando asi pídano os participantes.
3. Máis competicións por equipos.
A Copa Galicia que creamos nós hoxe é unha proba cun grao de aceptación elevado. Aínda se poden facer moitas máis cousas. Para nós o exemplo máis evidente a falta dun campionato galego de colexios, pero tambien competicións por equipos de xadrez lóstrego.
4. Evitar a repetición de sedes.
Os campionatos galegos e provinciais deben rotar. Exemplo dos provinciais na Coruña 2015; Ferrol, 2016; Santiago, 2017: Padrón, 2018: Ferrol, 2019: Noia e Padrón, 2020: Carballo e 2022: Padrón e Ferrol. Un exemplo interesante xa que na Coruña pediuse este torneo e ningún destes xuntou tanta xente como o último realizado na Coruña.
Para que falar dos galegos. A cousa podería normalizarse; unha localidade ou club que organice un galego ou provincial non debería poder organizar a mesma proba nos próximos tres anos a non ser que non haxa máis propostas. Mesmo seguramente o ideal sería que unha provincia que acolla un galego non pode acollelo o ano seguinte.
5. Temas varios.
Poderiamos seguir co tema da formación (ou da súa ausencia) ou do uso das novas tecnoloxías. Parece interesante que en función do primeiro punto empecen a marcarse directivos ou comités que melloren a xestión das súas áreas.
Todos estes aspectos tentaremos mellorar a partir do sábado e do 3 de decembro.
Nos temos unha postura clara que saben os candidatos, non andamos a contar unha cousa a uns e outra a outros e agardamos que os próximos catro anos sexan bos para o xadrez galego, adaptándonos aos tempos das novas tecnoloxías, de organizadores profesionais sen esquecer o xadrez educativo e de saúde onde estamos nos como entidade especialmente interesados.
Boa sorte para todos e agardamos que todos sumen de xeito constructivo a partir do sábado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario